Antón Alonso Rios, unha das historias de fuxidos máis espectaculares da Guerra Civil

Alonso Ríos durante os seus anos de fuxido – Ourense 1938.

Alonso Ríos, natural de Silleda, foi un dos políticos agraristas e galeguistas máis destacados do período da Segunda República, chegando a ser elixido deputado nas cortes españolas nas eleccións de febreiro de 1936. O Golpe de Estado colleuno en Tomiño, onde residía tras exercer durante varios anos como mestre. Participou activamente da resistencia ao Golpe, pero cando as tropas sublevadas entraron en Tomiño o 26 de xullo decidiu fuxir.

Durante os primeiros días da súa fuxida contou coa axuda de xente achegada, principalmente do movemento agrarista, que o esconderon en diferentes vivendas da Serra da Groba. Ante o risco a ser descuberto, decidiu facerse pasar por esmoleiro e fuxir do Baixo Miño. Baixo a identidade do portugués Afranio de Amaral, pasou por localidades como As Neves, A Cañiza ou Ribadavia, comendo e durmindo en pousadas e pedindo esmola nas casas. Entre outubro de 1936 e xullo de 1938, ademais de pedir esmola, traballaría como criado e realizando labores do campo en dúas casas, primeiro en Forcarei e logo en Boborás. 

Resolto a fuxir do país, decide abandonar Boborás e pasar a Portugal, cruzando a fronteira pola Serra da Peneda a mediados de xullo de 1938. Tras varios meses e coa axuda de opositores portugueses, conseguiría abandonar Portugal embarcando desde Lisboa rumbo a Casablanca, desde onde se dirixiría ao seu destino final, Buenos Aires. A súa odisea remataría definitivamente o 29 de xuño de 1939, tras case tres anos de fuxido, sendo recibido no peirao bonarense por familiares e amigos como un símbolo do triunfo da resistencia.

No exilio arxentino continuaría a súa labor política, sendo un dos principais activos do galeguismo e da oposición antifranquista, chegando a integrar o Consello de Galiza e a presidilo trala morte de Castelao. Morreu no 1980 aos 93 anos de idade tras tirarse debaixo dun tren de cercanías, abandonado e esquecido polos seus compañeiros de loita e polas novas xeracións de galegos da colectividade arxentina.

Alonso Rios xunto a Castelao no Consello de Galiza – Anos 40.

Para coñecer en profundidade a súa historia de fuxido podedes ler a súa obra “O siñor Afranio. Ou como me rispei das gadoupas da morte”. E para coñecer a súa biografía, “Antón Alonso Ríos, crónica dunha fidelidade“, de Bieito Alonso Fernández.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a millor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche o enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies