COLECCIÓN REINO DE GALIZA
No ámbito do deseño e da moda Galiza é punteira, tanto a nivel cuantitativo por número de marcas como a nivel cualitativo pola nivel das súas propostas. Porén, apenas atopamos propostas neste sector inspiradas nun ámbito de tanta relevancia na cultura e identidade dun país como é a historia. E no caso do Reino de Galiza, a existencia de prendas e coleccións é inexistente.
Ao mesmo tempo, atopámonos cunha realidade de total descoñecemento social e de invisibilidade e manipulación histórica sobre un período de tanta importancia do noso pasado como é o Reino Galego, sendo necesarias iniciativas orixinais e innovadoras para a socialización do mesmo.
Froito desta realidade naceu a nosa proposta de criar unha colección inspirada no Reino de Galiza, proxecto que presentamos ao certame “Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia”, da Deputación da Coruña, sendo un dos gañadores. Esta colección está composta por catro deseños inspirados en dous dos acontecementos máis relevantes deste período histórico: O Reino Suevo e as Revoltas Irmandiñas.
Uns deseños cos que aspiramos a espallar por toda a nosa xeografía e polo mundo adiante a nosa historia, facendo presente o Reino Galego en todos aqueles lugares onde as prendas da colección sexan vestidas.
En outubro lanzamos os dous primeiros deseños da colección, os inspirados no Reino Suevo, os cales podedes ver e adquirir clicando neste enderezo.
O REINO SUEVO
No ano 411 tiña lugar a fundación do Reino Suevo de Galiza, o primeiro reino medieval do Occidente Europeo. Isto foi o resultado do asentamento do pobo xermánico dos suevos na provincia romana de Gallaecia tras entrar na Península Ibérica no ano 409 e da incapacidade do Imperio Romano de xestionar todos os seus territorios. Suevos e romanos chegarían a un pacto (foedus) que permitiría a fundación do Reino Galego, recoñecendo os suevos na teoria a superioridade xerárquica do emperador pero actuando con total autonomía no territorio. O primeiro rei galego sería Hermerico.
O acordo cos romanos manteríase até o ano 476, data da deposición do derradeiro emperador occidental. Neste período atopamos o reinado de Requiario (448-456), un dos reis suevos de maior relevancia. Con el os suevos foron, no ano 449, o primeiro pobo xermánico en converterse ao catolicismo. Tamén acuñaron moeda propia, o que demostra a súa total independencia, e desenvolveron unha serie de campañas de expansión do Reino que os levaron a controlar a meirande parte occidental da Península.
Estas campañas produciron un choque importante cos visigodos, quen tras derrotar aos suevos na batalla do Río Órbigo no 456 saquearon a súa capital, Braga, e executaron a Requiario. Tras esta derrota o Reino sobrevivirá nunhas condicións moi precarias, vivíndose un período de división coa existencia de dous monarcas que controlaban partes diferentes do territorio. O Reino será reunificado no 464 por Remismundo, abríndose un longo período do que apenas contamos con fontes historiográficas.
Na metade do século VI o Reino Suevo vivirá un novo momento de vitalidade, froito das pretensións do Imperio Bizantino na área mediterránea, converténdose nun aliado esencial destes para o cerco do Reino Visigodo. Trala morte do emperador Xustiniano no ano 565, a hexemonía bizantina estancarase, precipitándose novamente o enfrontamento directo entre suevos e visigodos baixo o reinado de Miro (570-583). Trala morte de Miro no regreso dunha expedición fracasada a Sevilla, abrirase un conflito sucesorio entre seu fillo Eurico e o pretendente Audeca, quen se fai co trono. A situación é aproveitada polo rei visigodo Leovixildo para interveir, depoñendo a Audeca no 585 e anexionándose o Reino Suevo e integrando Galiza como unha provicncia.
O Reino Suevo foi un período moi importante na nosa historia e nel tiveron lugar uns fitos moi relevantes que desde unha perspectiva historiográfica non deberían obviarse. Porén, o predominio no noso país e no Estado dunha historiografía ao servizo da construción e consolidación do Estado Español fixo que a existencia do Reino Suevo fose agochada ou subestimada. Para a maioría dos historiadores o Reino Suevo ou non existiu ou foi un apéndice do Reino Visigodo. Por sorte, cada día son máis os traballos de investigación e divulgación sobre este período tan fascinante da nosa historia.