Elisa e Marcela

O día 8 de xuño de 1901 tiña lugar na cidade da Coruña un feito histórico. Elisa Sánchez e Marcela Gracia contraían matrimonio, converténdose nas primeiras mulleres da historia en casar entre elas no Estado Español.

Tras varios anos de relación e convivencia en distintos lugares da provincia da Coruña, no ano 1901 esta parella de mestras decidiu contraer matrimonio. Para tal fin, Elisa adoptou unha aparencia masculina, facéndose pasar por Mario Sánchez. Inventouse tamén un pasado, contando que pasara a súa infancia en Londres e que seu pai era ateo, polo que non fora bautizado. O párroco Víctor Pérez, da igrexa de San Xurxo da Coruña, sería o encargado de bautizar e dar a comuñón a “Mario”, lexitimando a súa existencia a ollos da Igrexa e habilitándoo para contraer matrimonio. O casamento foi selado na mesma igrexa e polo mesmo párroco.

A natureza do matrimonio tardaría pouco en saír a luz, sendo a parella portada de diarios galegos e madrileños. Unha orde de busca e captura sería ditada contra ambas, o que as levaría a fuxir a Porto. Alí viven como marido e muller ate que son detidas e encarceradas a petición da policía española. Tras ser liberadas e para evitar ser extraditadas ao Estado Español, poñen rumbo ao exilio en Arxentina, país onde ramatarán os seus días.

En homenaxe a Elisa e Marcela e para reivindicar o dereito de todo o mundo a amar a quen queira, fixemos o seguinte deseño, dispoñible en camisola unisex e de rapaza. Porque ante o odio e os ataques ao colectivo LGTBIQ+, algo tan humano e normal como querer a outra persoa, en ocasións se converte nun acto revolucionario.

Podedes coñecer máis en profundidade a historia de amor desta parella no libro “Elisa e Marcela. Amigas e Amantes”, de Narciso de Gabriel, e no filme “Elisa y Marcela”, de Isabel Coixet.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a millor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche o enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies