BOAS E XENEROSAS

AMADA GARCÍA

Nada o 7 de outubro de 1911 en Mugardos, durante a II República comprometeuse politicamente de xeito moi activo, destacando polo seu carácter loitador e pola súa boa oratoria. Militante do PCE, o seu activismo espertou o odio e rancor dos sectores máis reaccionarios da bisbarra.

Inmediatamente tralo Golpe de Estado foi detida, sendo sometida a torturas e a arresto domiciliario. Uns meses despois, en abril de 1937, é encarcerada, sendo posteriormente sometida en decembro a un Consello de Guerra cheo de irregularidades e de probas e declaracións falsas onde foi condenada a morte. O seu delito, ser unha activista valente e loitadora en favor dos dereitos das mulleres, da liberdade e da xustiza.

A pena capital foi executada o 27 de xaneiro de 1938 no Castelo de San Felipe de Ferrol, morrendo diante dun pelotón de fusilamento xunto a 7 veciños da zona. 88 días antes da súa execución, o 30 de outubro de 1937, mentres se atopaba encarcerada, Amada fora nai por terceira vez. Cóntase que sostivo en brazos ao seu fillo Gabriel até o último minuto. Outros presos ofrecéronse a morrer no seu lugar, pero os fascistas non tiveron clemencia.

ELVIRA BAO

Nada o 24 de maio de 1890 na Coruña e mestra de profesión, foi unha das mulleres máis destacadas do galeguismo de preguerra. 

Participa nas Irmandades da Fala desde os seus inicios,  exercendo como Secretaria da primeira directiva da Sección Femenina da Irmandade da Coruña. Como outras integrantes das Irmandades, viu no teatro un importante instrumento para a galeguización da sociedade, formando parte do Conservatorio Nazonal do Arte Galego desde a súa fundación no 1919 e facendo parte do reparto de moitas obras. 

Tamén participará da Agrupación Republicana Femenina da cidade herculina desde a súa constitución en 1933, sendo a presidenta da súa primeira Xunta Directiva. Ademais, militou no Partido Galeguista, estando documentada a súa intervención en diferentes mitins. 

No ámbito docente exerceu principalmente nas Colonias Escolares do Sanatorio Marítimo de Oza, onde comezou sendo mestra temporal e rematou sendo nomeada directora meses antes do alzamento militar de 1936.

Tralo Golpe de Estado pasou uns meses na cárcere e foi expulsada do ensino público. Continuou o seu labor docente coa creación no 1945 dunha escola privada na súa casa do barrio coruñés de San Roque de Fora, exercendo a profesión até que uns problemas de vista impedíronllo definitivamente. Finou o 26 de abril de 1971 na Coruña.

ENRIQUETA OTERO

Nada o 26 de febreiro de 1910 en Castroverde e de profesión mestra, comezou a súa actividade docente en diversos concellos galegos, sendo destinada durante a Segunda República a Madrid tras aprobar unhas oposicións. 

Na capital do Estado afíliase ao PCE e sorpréndelle o Golpe de Estado, participando activamente durante a guerra na loita contra os sublevados e alcanzando o rango de comandante.

Coa derrota republicana, volta a Galiza clandestinamente e se incorpora a guerrilla. No 1946 é ferida de bala e detida en Lugo nunha emboscada. Tras ser sometida a salvaxes torturas, é condenada a morte nun Consello de Guerra, sendo finalmente conmutada a pena por 34 anos de prisión. Despois de pasar por diversas prisións do Estado sairá en liberdade condicional en 1960, logrando a liberdade definitiva en 1966.

Rehabilitada como mestra tan só un ano antes da súa xubilación, mantivo o seu compromiso social e político até os seus últimos días. Claro exemplo disto foi a fundación do asociación O Carriño, un proxecto pedagóxico inspirado nas universidades populares da Segunda República. Morreu en Lugo o 31 de outubro de 1989.

MARÍA DEL PORTAL PANISSE

Nada o 11 de outubro de 1914 na Coruña, destacou pola súa labor de farmacéutica, sendo coñecida como “A Boticaria da Liberdade”.

Educada nunha familia liberal, culta e ilustrada, tralos estudos de primaria e bacharelato prepara as oposicións ao Ministerio de Gobernación. Sen embargo, estas probas son conxeladas polo Goberno da República, polo que decide estudar Químicas en Santiago de Compostela, onde frecuenta círculos galeguistas e de esquerdas.

Tras exercer na Coruña de mestra, instálase de novo en Compostela coa súa parella, Enrique Ríos Suárez, o cal estuda Farmacia. A morte do seu marido por mor dunha enfermidade coronaria inspira a María a estudar Farmacia e no ano 1957 abre unha botica na Rúa de Fonseca na que exercerá como titular. Comeza aquí a labor pola que chegará a ser coñecida como “A Boticaria Da Liberdade”.

Durante a ditadura franquista, calquera método anticonceptivo que non fose o control dos días fértiles da muller a través do calendario estaba absolutamente prohibido. Isto, xunto coa ilegalidade do aborto, facía a realidade das mulleres inda máis dura e opresiva. Porén, fiel aos seus ideais libertarios, María dispensaba na súa botica calquera tipo de método anticonceptivo, como a pilula e preservativos.

Nun tempo no que a desobediencia podía ter duras consecuencias, María escolleu deliberadamente saltarse as regras impostas pola ditadura en prol da sororidade coas mulleres da época que, grazas a esta “boticaria da liberdade” recuperaron o seu dereito a controlar a súa propia sexualidade. Finou o 28 de setembro do 2001 na capital galega.

MARÍA MIRAMONTES

Nada o 6 de abril de 1895 na parroquia de Guísamo, no Concello de Bergondo, desde moi nova comeza a participar nos círculos galeguistas e republicanos da cidade da Coruña, onde traballaba como costureira. 

No ano 1918 é unha das promotoras da Sección Femenina da Irmandade da Fala da cidade herculina, constando como vogal da súa primeira directiva. Impulsará co seu compañeiro Ánxel Casal diversas iniciativas do nacionalismo e da cultura galega, como as editoriais Lar e Nós. Mención especial merece a creación das Escolas do Insiño Galego, escola aberta e popular con ensino bilingüe galego e castelán i educación progresista e laica inspirada na Institución Libre de Enseñanza. Unha parte importante dos fondos destinados a estas iniciativas proviñan do seu traballo como costureira. 

Coa fundación do Partido Galeguista, María participará activamente no seu seo, destacando a publicación dun manifesto lanzado o Día da Patria de 1933 animando a todas as mulleres do país a participación política e a tomar consciencia da necesidade de ter forzas políticas propias. No 1936 participará activamente na campaña a prol do Estatuto, sendo a única muller integrante da delegación encargada de entregar o Estatuto nas Cortes Republicanas.

Tralo Golpe de Estado e o asasinato do seu marido, María embarca en novembro de 1936 desde Lisboa cara o exilio a Bos Aires, onde continuará exercendo de costureira até a súa morte en 1964. 

OLIMPIA VALENCIA

Nada o 14 de decembro de 1898 en Baltar, foi a primeira muller licenciada en Medicina na Galiza.

A súa vida representa un caso singular e significativo da incorporación da muller ao ámbito académico e profesional na primeira metade do século XX. Licenciouse na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela no ano 1925, cun expediente académico de excelencia no que se incluían dezanove matrículas de honra e o premio extraordinario de licenciatura.

Unha vez licenciada inclinouse por traballar nunha clínica onde se trataban enfermidades do pneumotórax, pero por mor de presións familiares e dos catedráticos, os cales consideraban que unha muller non debía tratar a homes, rematou especializándose en Xinecoloxía. Realizou a súa tese de doutoramento en Madrid e no 1928 comezou a exercer profesionalmente en Vigo, onde traballará até a súa xubilación. Inicialmente tivo moitas dificultades para que lle recoñecesen a súa condición de médica, pero pouco a pouco foi gañando prestixio profesional, sendo moi ben valorada pola súa formación, proximidade á paciente e calidade humana.  

Vinculada ao galeguismo, durante a Segunda República encabezou no 1931 un manifesto de mulleres en apoio aos candidatos galeguistas da provincia de Pontevedra e outro no 1936 a favor do  Estatuto Galego. Estes vínculos políticos levaron a súa detención en febreiro de 1937 polas autoridades franquistas, pasando catro días nos calabozos até ser finalmente liberada sen cargos. Nos anos inmediatos a súa detención viuse afectada profesionalmente, deixando moita xente de acudir a súa consulta. Finou en Vigo no verán do 1987.  

ROSALÍA DE CASTRO

Nada o 23 de febreiro de 1837 no Concello de Conxo (actualmente integrado en Santiago de Compostela), é a figura fundacional da nosa literatura moderna, a principal protagonista do Rexurdimento galego e unha das precursoras do noso feminismo.  

Considerada unha das voces máis importantes da literatura europea do século XIX, dotou a súa obra dun importante contido social. Denunciou as inxustizas sufridas polo pobo, loitando por dignificalo e reclamando os seus dereitos, e fixo bandeira da defensa da nosa lingua e dos dereitos da muller. Ademais, a súa produción literaria estivo profundamente marcada polas circunstancias que rodearon a súa vida, como a súa orixe, a súa delicada saúde, a morte dun fillo e dunha filla, e os problemas económicos. 

Cultivou principalmente a poesía, sendo as súas obras máis destacadas Cantares Gallegos, publicada en 1863, e Follas Novas, publicada en 1880. Cantares Gallegos é a primeira obra escrita integramente na nosa lingua e o Día das Letras Galegas celébrase na data da súa publicación. 

Os seus últimos anos pasounos en Padrón, onde finou o 15 de xullo de 1885 aos 48 anos por causa dun cancro de útero. 

VIRXINIA PEREIRA

Nada o 19 de outubro de 1884 na Estrada, a historia de Virxinia é a dunha muller nada nunha posición social acomodada que vai arriscar todo o confort que se lle supoñía por unha vida de sacrificios e de exilio.

O seu activismo político será especialmente visible a morte do seu compañeiro, Castelao, loitando polo seu legado artístico e ideolóxico e contra o branquexamento da Ditadura Franquista na Arxentina.

A obra de Castelao realizada antes do Golpe de Estado estaba embargada en virtude dun expediente de responsabilidades políticas resolto un ano despois do seu falecemento, coa imposición dunha multa de 75.000 pesetas. Para saldala o Estado decidiu poxar todos eses bens, emprendendo Virxinia unha dura loita para que eses fondos fosen destinados ao Museo de Pontevedra, tal como Castelao desexaba. Nunha carta a Otero Pedrayo escribíalle: “Para defender o seu desexo, síntome con forzas de leoa. Foi unha promesa especial que lle fixen ao meu Daniel!”. Para logralo regresará do exilio tras case tres décadas, asinando no ano 1964 un convenio co Museo pontevedrés para cederlle os dereitos sobre o patrimonio embargado a parella. A cesión ampliarase trala morte de Virxinia con novas pezas que conservaba en Bos Aires. 

No exilio arxentino a voz de Virxinia será unha das máis belixerante contra a Ditadura, denunciando constantemente cunha firme postura antifascista os crimes e carácter do réxime e os intentos do mesmo por manipular a figura de Castelao. Finou o 23 de decembro de 1969 en Madrid.

XELA ARIAS

Nada o 4 de marzo de 1962 en Sarria, foi unha das autoras máis destacada da eclosión da poesía galega tralos anos 80 e unha persoa comprometida social e politicamente.  

Sendo moi nova mudouse coa súa familia a Vigo, onde desenvolvera principalmente a súa traxectoria profesional e literaria. Editora, tradutora e mestra, estivo estreitamente ligada a editorial Edicións Xerais de Galicia, onde traballará desde a súa fundación. Como tradutora traduciu a autores de prestixio internacional como James Joyce, Angela Cárter ou Baudelaire, recibindo diversos recoñecementos, como a Medalha do Premio de Traduçao Sociedade de Língua Portuguesa, o Premio Ramón Cabanillas de Tradución, ou o Premio Plácido Castro (a título póstumo).

A obra de Xela caracterízase por ter unha importante dimensión persoal, demorada e reflexiva, cunha óptica feminista e transformadora, ademais dun carácter rupturista e transgresor que introducirá na nosa poesía elementos vangardistas no tema e no estilo. Destacan entre as súas publicacións os poemarios Denuncia do Equilibrio (1986), Tigres Coma Cabalos (1990), Darío a Diario (1996) e Intempériome (2003). Ademais publicou en diversos xornais e revistas e formou parte do consello da redacción de “Viceversa, revista galega de traducción”. 

A morte sorprendeulle aos 41 anos de idade, finando o 2 de novembro do 2003 en Vigo. Foi homenaxeada no Día das Letras Galegas no 2021.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a millor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche o enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies